Noticia02/02/2023

Analise da realidade

Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol celebrou este sábado 28 en Vilalba unha "Xornada de presentación do proceso de análise da realidade" que a entidade está a poñer en marcha na diocese.

Thomas Ubrich e José Luis Grau dos «Equipos de Estudios» e de «Desarrollo Institucional» de Cáritas Española foron os encargados de acompañar a 37 axentes de Cáritas, chegados de diferentes puntos do territorio, nesta primeira toma de contacto e reflexión conxunta sobre cómo mirar á realidade que nos arrodea.

Esta xornada de formación, enmarcada dentro das accións cofinanciadas pola Consellería de Política Social a través de subvención a programas de interese xeral para fins de carácter social (Orde do 23 de agosto de 2022), marca o inicio dun proxecto piloto de análise da realidade que Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol está a implementar en tres zonas do territorio diocesano, Ferrolterra, Terra Chá e Mariña Occidental. 

A finalidade deste proxecto piloto é iniciarse na metodoloxía do estudo e análise da realidade para incorporalo posteriormente no día a día dos diferentes programas e servizos que Cáritas leva a cabo dentro da súa acción social, respostando así de xeito máis coherente e eficaz ás necesidades que se nos van presentando.

Inicialmente preténdese estudar e analizar, nestas tres zonas preseleccionadas, aspectos relacionados coa vivenda, coa inclusión social das persoas migrantes e o impacto do desemprego en certos sectores productivos. 

Para desenvolver este proxecto experimental cóntase inicialmente con persoas voluntarias de Cáritas parroquiais e de unidades pastorais da zona de Ferrol, Narón, Vilalba, Cospeito e Castro de Rei, Viveiro e Burela que, xunto con persoal técnico de Cáritas Diocesana, actuarán como axentes dinamizadores na fase de recollida de información e que aportarán unha información moi valiosa de cara á reflexión e avaliación do proceso. 

A implicación de estos axentes é esencial dado o seu coñecemento da zona e o contacto directo con todos aqueles actores cos que queremos entrar en diálogo nas diferentes comunidades. 

O proxecto contempla tamén entablar acordos de colaboración con entidades como a Universidade da Coruña para incorporar a persoas con coñecemento ou experiencia en análise da información e xestión de datos, que integrarán unha comisión documental. Esta comisión será a encargada da análise estatística inicial e de colaborar na recopilación, clasificación e análise da información que se vai a recoller no territorio.

Esperamos que esta experiencia sirva para xerar vínculos e redes colaborativas no territorio e conquerir a apertura e actitudes necesarias para levar a cabo, desde os nosos servizos de Cáritas, accións verdadeiramente significativas coas persoas.