16/05/2025

DÍA DO MUNDO RURAL

DÍA DO MUNDO RURAL

🌾“Queremos saber dos anceios e esperanzas desta xentiña que, con todo o dereito, ven buscando unha vida mellor”

O 15 de maio celebramos o día do mundo rural parolando con Modesta Campo, voluntaria de Cáritas dende hai máis de trinta anos en parroquias da Terra Chá, ademáis dunha importante traxectoria na Delegación de Pastoral Rural na nosa diocese.

O noso rural vese afectado polo descenso de natalidade, o éxodo ás cidades e o aumento do número de persoas maiores que quedan nos pobos; tamén de persoas migrantes que nos derradeiros anos tratan de asentarse nestas terras.

🔑“O primeiro problema que se nos plantexa é o da vivenda; hai vivendas baleiras pero a xente non as quere alugar, e menos a persoas de fóra e sen papeis”. Isto tamén supón un atranco á hora de atopar un traballo; “ningún gandeiro ou gandeira queren ter persoas empregadas sen contrato, nin tampouco no traballo doméstico”.

Dende Cáritas acompañámolos todo o posible para facilitarlles entre outras cousas a súa regularización administrativa, pero tamén a súa integración na comunidade; “a xente polo xeral pasa deles, saúdanos ao pasar e pouco máis”.

Temos un grande reto por diante: traballar para lograr que as nosas parroquias sexan inclusivas e fraternais. As persoas migrantes están a ser XA para nós unha grande riqueza: traballan no campo, coidan das persoas maiores, os seus nenos e nenas acoden ás nosas escolas, pagan os seus impostos e así contribúen ao ben común.
Asemade, comparten con nós a súa diversidade cultural e espiritual.

🤝Mirémoslles aos ollos e abrámoslles os brazos!