A Xunta de Galicia concede a Cáritas Diocesana de Tui-Vigo a subvención para a promoción de actuacións de servizos de inclusión social
Esta convocatoria permite dar continuidade ós proxectos A Carón e Mesturas, que teñen como misión principal promover a mellora das condicións e a calidade de vida dos participantes, así como apoiar a súa plena integración social e económica.
A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión Social, aprobou a concesión das subvencións solicitadas para a convocatoria 2022-2023, a través da Orde do 21 de xullo de 2022, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, e se convocan para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Grazas a aprobación desta convocatoria, que abarca dende o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de abril do 2023, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo poderá dar continuidade á varios proxectos que teñen como misión principal promover a mellora das condicións e a calidade de vida dos participantes, así como apoiar a súa plena integración social e económica, mantendo sempre o foco nas boas prácticas de activación de cara o emprego e de integración social, e as axudas para conciliación familiar e cobertura de necesidades básicas, pero tamén de adquisición de novas capacidades e coñecementos.
En concreto, o proxecto A Carón ten por obxecto dar continuidade á atención da poboación española, cunha previsión de mínimo 17 persoas para esta convocatoria de 10 meses.
Pola súa parte, o proxecto Mesturas ten por obxecto dar continuidade á atención da poboación estranxeira, cunha previsión de mínimo 33 persoas.
A metodoloxía do Proxecto de Itinerarios de Inserción Social Básica lévase a cabo a través de actuacións individualizadas e grupais, cunha orde estandarizada de atención, adaptada en cada situación tanto polas circunstancias das persoas participantes como do momento social. En cada etapa incorpóranse prácticas de carácter innovador como medidas de mellora e definidas polas circunstancias históricas, económicas e sociais do momento.
Nestes cinco primeiros meses, leváronse a cabo seis sesións grupais iniciais de presentación da entidade e dos programas e proxectos correspondentes, e unha sesión grupal sobre Historia e recursos da contorna. Mais de 40 persoas foron atendidas en entrevista individual.
Outros proxectos beneficiarios desta convocatoria, son Ábaco e Esgallo que teñen como fin axudar na cobertura de necesidades básicas en gastos de alimentación, no caso do primeiro, e en outros productos non alimentarios no caso do segundo, como hixiene, aluguer, documentación, medicación, tratamentos dentais e oftalmolóxicos, material escolar ou roupa.
As contías correspondentes ós proxectos de A Carón e Mesturas, de apoio para a Inclusión social Básica, están subvencionadas nunha porcentaxe do 100% a través do obxectivo temático 13 “Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía”; prioridade de investimento 13.1 “Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais
e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxetivo específico 13.1.2 “Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e ás medidas de inclusión social e erradicación da pobreza” e liña de actuación 106 Medidas de apoio á inclusión sociolaboral específicas da Estratexia de Inclusión Social de Galicia.