Noticia18/08/2025

Agarimo X: Impulso á integración social de mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O cofinanciamento da Xunta e a Unión Europea permite darlle continuidade ao noso proxecto de apoio integral a mulleres en situación de vulnerabilidade.

 

                                                                          

 

En Cáritas, a integración social de mulleres en situación de especial vulnerabilidade é un dos piares fundamentais da nosa labor. Por iso, estamos moi satisfeitos de poder darlle continuidade a un dos nosos proxectos, Agarimo X, dedicado a acompañar a mulleres no seu camiño cara a unha vida máis plena.

Isto é posible grazas ao cofinanciamento da Consellería de Política Social e Igualdade e a Unión Europea de 10.493,28€, que nos permitiu sufragar o noso traballo desde o 1 de setembro de 2024 ao 31 de agosto de 2025, prestando apoio a un total de 59 mulleres procedentes de familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

O noso principal obxectivo é lograr a súa plena integración social a través de servizos profesionais de orientación, información, atención e acompañamento en diferentes áreas.

O noso compromiso: accións para a integración

Para acadar esta meta, o proxecto centrarase en tres eixos de traballo esenciais:

  • Servizo de traballo social: Proporcionaremos orientación e información sobre recursos esenciais, ademais de apoio directo para facilitar o contacto con outras entidades, organismos e servizos. O noso obxectivo é axudar a cada muller a navegar polo seu proceso de integración social de maneira máis sinxela.

  • Servizo de atención psicolóxica: Crearemos un espazo seguro para o coidado da saúde emocional e mental, un piar fundamental para o desenvolvemento persoal e o benestar.

  • Servizo de asesoramento xurídico: Garantiremos o acceso a orientación legal en todos os ámbitos necesarios, facilitando trámites e a resolución de dúbidas que poidan xurdir.

Zona de actuación

Este proxecto abarcará un amplo territorio para chegar a quen máis o precisa. A nosa labor estenderase pola cidade de Vigo, a súa área metropolitana (Porriño e Salceda de Caselas), as comarcas da Paradanta (Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente) e o Condado (Mondariz, As Neves, Ponteareas e Salvaterra de Miño).

Este apoio, cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e a Unión Europea, permítenos continuar coa nosa labor de construír unha sociedade máis inclusiva e xusta para todas e todos.