Noticia27/12/2021

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo pon o broche final ó Proxecto Promociona coa entrega de diplomas do curso de Emprego Doméstico

Este proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, ía dirixido a persoas de extrema vulnerabilidade, e conformábase de accións de información, acollida e orientación, e de dúas accións formativas: unha de Coidados de Persoas Dependentes e outra de Emprego Doméstico.

O pasado mércores 22 de decembro, finalizaba o Curso de Emprego Doméstico e, con el, o Proxecto Promociona, un proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra e que ía dirixido a un total de 50 persoas de extrema vulnerabilidade, como migrantes en situación irregular.

Nesta situación de crise social e económica causada pola COViD-19 na que nos atopamos, encontrar un emprego fixo e obter uns ingresos estables, non está ó alcance da maioría das persoas, sobre todo, para aqueles colectivos de extrema vulnerabilidade social, como son as persoas estranxeiras en situación irregular.  En moitos dos casos, esta situación venlle dada polas dificultades e trabas que se lle poñen para renovar os seus permisos de residencia e traballo, e pola falta de continuidade nos contratos que hoxe en día se ofrecen, e que lle impiden aportar o mínimo esixido pola Seguridade Social para renovar a documentación.

Así, este proxecto, cuxa cantidade concedida ascende a 4.094,97€, nace para dar alternativas e facilitar o retorno á vida social e a unha participación activa a través do emprego deste colectivo, e dende unha perspectiva integradora.

As actividades propostas e que se levaron a cabo foron:

  • Obradoiros de auto coñecemento, comunicación e busca activa de emprego. Estes talleres en grupo teñen como fin buscar a mellora de habilidades e competencias básicas e de poñer en valor a importancia da persoa, da súa autonomía na toma de decisión, na autonomía de desenvolvemento de accións para conseguir a súa integración.
  • Charlas e seminarios . Estas actividades tamén se desenvolveron en grupo e as temáticas que se levaron a cabo estiveron vinculadas ás necesidades e intereses dos participantes, como temas de integración social, laboral e a súa situación legal.
  • Formación en Coidados de Persoas Dependentes.  Este curso impartiuse do 22 ao 29 de novembro,  cunha metodoloxía teórico práctica a un total de 7 persoas.
  • Formación en Emprego Doméstico. Esta formación  levouse a cabo neste mes de decembro, do 13 ó 22, e foi impartido nunha metodoloxía teórico práctica a un total de 7 alumnos e alumnas. O obxectivo, ó igual que na formación anterior, foi a de poder facilitar unha primeira aproximación ao posto  é a profesionalización do mesmo.