Noticia13/11/2023

A Xunta de Galicia garantiza a continuidade dos proxectos A Carón e Mesturas ata abril de 2025

O pasado mes de outubro aprobou a concesión das subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servicios sociais comunitarios e inclusión social, onde se enmarcan os proxectos A Carón e Mesturas de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo.

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión Social, aprobou no mes de outubro a concesión das subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servicios sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2023 a 2025, confinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Grazas a esta concesión, os proxectos de Inclusión Social Básica de Cáritas Diocesana Tui-Vigo,  A Carón e Mesturas, contarán un ano máis co apoio económico da Xunta de Galicia e da Unión Europea para a periodo comprendido entre o 1 de maio de 2023 ao 30 de abril de 2025. Esta finanzación favorecerá continuidade de 120 itinerarios a través de actuacións individuais e grupais, así como de intervencións personalizadas que atenderán ás dificultades e circunstancias de cada persoa para acadar unha maior integración social.

Na mesma convocatoria, tamén foron aprobados os proxectos Abaco e Esgallo, que teñen como obxectivo a cobertura de necesidades básicas de alimentación e outros produtos non alimentarios (hixiene, aluguer, electricidade, tasas, medicación, tratamentos dentais e oftalmolóxicos, transporte, material escolar ou roupa).

As contías correspondentes ás actuacións de A Carón e Mesturas, serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 2 «Inclusión social e loita contra a pobreza»; obxectivos específicos ESO4.8 «Fomentar a inclusión activa ao obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos» e ESO4.9 «Promover a integración socioeconómica dos nacionais de terceiros países, incluídos os inmigrantes», e medidas 2.H.04 «Mellora da inclusión sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social a través de itinerarios integrados e personalizados de inserción que abarcan medidas de distintos ámbitos» e 2.I.01 «Itinerarios ou programas de inserción sociolaboral que combinen varias medidas dirixidos a migrantes», respectivamente. As contías correspondente ás actuacións de Ábaco e Esgallo, están subvencionadas con fondos propios da Xunta de Galicia.