Noticia10/04/2023

Cáritas segue apostando polos itinerarios de inserción social básica a través dos proxectos A Carón e Mesturas

A base dos itinerarios e do seu desenvolvemento, está na diagnose da situación de vulnerabilidade, valoración individual e interprofesional, así como o deseño de itinerario conxunto cos participantes e personalizado con obxectivos e actividades definidas.

O pasado 1 de Xullo de 2022, comezaba a nova convocatoria dos proxectos A Carón e Mesturas dirixidos ó desenvolvemento de itinerarios de inserción social básica para persoas nacionais e inmigrantes, respectivamente.  

A base da intervención inicial está na diagnose da situación de vulnerabilidade, valoración individual e interprofesional, así como o deseño de itinerario conxunto cos participantes e personalizado con obxectivos e actividades definidas.  

Estes itinerarios,  *enmarcados nas actuacións de Inclusión Social, lévanse a cabo a través entrevistas individuais de seguimento e acompañamento da integración da persoa, e sesións en grupo onde se informan e sensibiliza sobre temáticas consideradas de interese, organizadas dende a propia entidade e en colaboración con outras organizacións.  

Neste primeiro trimestre de 2023, cabe destacar a atención individualizada de 13 novas persoas nacionais no proxecto de A Carón e de 12 novos participantes estranxeiros en Mesturas. Ó mesmo tempo dáse continuidade ó proceso de inclusión dos máis de 70 participantes incorporados ó inicio da convocatoria.   

En canto ás sesións en grupo, realizáronse dous talleres de Historia e Recursos da Contorna (23 asistentes) nos que se dou información sobre a historia da cidade, a distribución política e administrativa nacional cas diferentes competencias por ámbito estatal, autonómico, provincial e municipal, así como a explicación dos sistemas educativo, sanitario, xurídico e administrativo, as prestacións sociais e recursos sociais dispoñibles, e a orientación para levar a cabo os trámites e xestións administrativas máis comúns, destacando tanto os dereitos coma as obrigas cidadáns.   

Outra sesión en grupo foi a de Aforro e Eficiencia para un uso responsable dos recursos, cun total de 19 asistentes, que ten por obxecto dar a coñecer e invitar á reflexión sobre as pautas básicas para unha boa economía doméstica, a concienciación para unha correcta xestión económica con eliminación de gastos non desexados, límites para a incitación ó consumo e as prácticas de contratos abusivos, indicacións de prácticas de aforro e eficiencia enerxética e da auga, de xestión e redución de residuos, de promoción do transporte colectivo ou de baixa contaminación, de explicación do sentido da Economía Circular e do ben común, responsabilidade de todos no día a día.  

Entre as colaboracións con outras entidades, cabe sinalar a charla informativa realizada co Instituto Galego de Consumo e da Competencia sobre resiliencia enerxética, financeira e de dereitos do consumidor, á que asistiron 8 participantes destes proxectos. Tamén destaca a charla informativa (15 asistentes) e o café coloquio pola igualdade (14 participantes) desenvolvido polo Servizo para a Asistencia e Orientación a Víctimas de Discriminación por Orixe Racial e/ou Étnico da Red Acoge. 

*Os proxectos de A Carón e Mesturas, de apoio para a Inclusión Social Básica, están subvencionadas nunha porcentaxe do 100% a través do obxectivo temático 13 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; prioridade de investimento 13.1 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.2 «Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e ás medidas de inclusión social e erradicación da pobreza» e liña de actuación 106 Medidas de apoio á inclusión sociolaboral específicas da Estratexia de inclusión Social de Galicia na convocatoria 2022-2023 da Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Subdirección Xeral de Prestación e Programas de Inclusión Social, pola Orde do 21 de xullo de 2022 na que se establecen as bases que rexen a concesión de subvención a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, convovadas para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020