Noticia04/08/2022

Cáritas loita para dignificar o acceso ó dereito á alimentación

A través do proxecto SUSEIA, a entidade está impulsando un novo modelo de traballo para dignificar ó acceso ó dereito á alimentación e para facilitar a inclusión social.

Tras a  pandemia causada pola COVID-19, as persoas que solicitan axuda  para alimentación multiplicáronse nestes últimos anos.

Para Cáritas, a alimentación é un dereito universal, un dereito no marco da xustiza social, onde ninguén pode quedarse atrás. Por iso, é imprescindible un recoñecemento da dignidade de cada ser humano de forma que, cada quen, poida elixir aquilo que desexa comer tendo en conta a súa saúde (intolerancias, réximes médicos, etc), ademais dos seus gustos, hábitos e cultura.

Por este motivo, Cáritas están impulsando un novo modelo de traballo e estratexia confederal para dignificar o acceso ó dereito á alimentación e facilitar a inclusión social. Actualmente, estase tratando de deixar de dar alimentos en especie para utilizar outras estratexias que permitan  ás persoas facer a compra en tendas e comercios, como o fai a cidadanía, dunha maneira normalizada, sen ningún tipo de estigma.

 

Formación para implantación do novo modelo de traballo.

O pasado mes de maio, arredor de 30 axentes de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, entre voluntarios, cregos e persoal técnico, participaron nunha xornada formativa acompañados por María Martínez, dos Servizos Xerais de Cáritas Española.

A xornada tivo lugar no Salón de Actos do Seminario Maior de Vigo, de 10 a 13 horas da mañá, na que se presentou o proxecto SUSEIA, sobre o Dereito a Alimentación. Contamos ca participación de cinco Cáritas parroquiais de Vigo e arredores e unha Cáritas interparroquial do rural. Tamén foron invitadas tres Cáritas parroquiais que mostraron interese polo proxecto.

O proxecto partiu da necesidade de analizar o modelo tradicional de entrega de alimentos afondando no ámbito social e de saúde. O que se pretende, a través de dito proxecto, é ir dando pasos, do modelo tradicional de entrega de alimentos, a un modelo integral a través dunha axuda económica que irá en beneficio na dignidade dos propios participantes.

Durante a xornada, María Martínez indicou os beneficios do cambio da axuda en especie, a un modelo totalmente inclusivo e sostible que recoñece a dignidade da persoa situándoa no centro da nosa acción e garantindo o anonimato e a autonomía persoal.