Acción social05/05/2021

«Este obradoiro axudoume a saber cómo afrontar esta situación e a coñecer onde teño que dirixirme»

Jose é un dos participantes do obradoiro de Lexislación de Entranxeiría, que se levou a cabo o pasado 22 de xaneiro dentro do Proxecto de Inclusión Social Mesturas. Hoxe, cóntanos cómo foi a súa experiencia no taller e qué lle aportan a nivel persoal este tipo actividades.

Nos últimos meses vos fomos informando das actividades levadas a cabo nos proxectos de inclusión social A Carón e Mesturas, ámbolos dous subvencionados pola Consellería de Política Social Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020. DOG nº 90 do 11 de maio de 2020.

Neste caso imos a centrarnos no Proxecto Mesturas, que ten como obxectivo principal facilitar a inserción social de persoas estranxeiras.  Como xa fomos adiantando, o seu enfoque principal é a de procurar a plena inclusión e a mellora de eido personal, social, familiar e educativo das persoas participantes, dotando ás mesmas dos recursos e habilidades precisas para fomentar a súa responsabilidade.

Hoxe falamos con Jose, unha das persoas que participaron neste proxecto, máis concretamente no obradoiro de Lexislación de Entranxeiría que se levou a cabo  o pasado 22 de xaneiro. 

¿Qué foi o que che gustou mais do obradoiro sobre Lexislación de Estranxeiría?

O xeito no que se abordou cada lei, sobre todo as que favorecen, e como se pode acceder a conseguir a documentación daqueles que chegamos como turistas e que imos quedando. Descoñecía a lexislación sobre inmigrantes e os dereitos que temos acá. Neste momento podo compartilo con outras persoas e explicar o que aprendín nese taller. 

¿Qué che aportou a túa participación no taller? ¿Consideras que che enriqueceu a nivel persoal?

Si, moitísmo. Enriqueceume bastante os coñecementos para poder saber cómo afrontar esta situación, e máis agora co que estamos a pasar. Tamén me axudou a coñecer a onde temos que dirixirnos, tanto para os emigrantes que vimos de América como dos emigrantes que veñen de calquera parte do mundo. 

¿Cómo foi a túa vivencia en relación á diversidade cultural dos participantes?

Como son latino, obviamente sentínme moi identificado cos latinos que asistiron ao taller grupal, por ser parte do mesmo grupo cultural. Ben é certo que había xente de África aos que nunca tratara tan de preto, e escoitalos falar das vivencias tamén che ensina moito sobre eles, o que pasan ou como é a lexislación tamén para eles. En xeral, achegoume moitísimo e sentinme bastante a gusto e cómodo, xa que éramos mais xente nas mesmas condicións e situación.

¿Qué mellorarías das sesións grupais?

Ao meu parecer habería que ampliar máis o tempo e tamén, cando toda esta pandemia pase, sería bo reunirnos máis xente e así ter máis participación ao ampliar o tempo de duración. Se tomamos un tema específico sería bo amplialo e en dúas ou tres sesións coa finalidade de que a xente teña máis participación, máis interacción, e poder escoitar mais as outras persoas porque iso a min paréceme que enriquece moito, que che pon un pouco nos pés da outra persona. Aínda que escoitei á xente que pasa días e días camiñando para poder chegar ata España ou Europa, e creo que esas experiencias que eles contan póñenche nun lugar de empatía para poder entender.

¿Asistirías a outros talleres enmarcados no proxecto?

Asistín a todos e sí, asistiría a máis. Cando teñan algún outro taller, por favor, avísenme. Interesaríame tamén outro taller de compartir culturas diferentes dos seus países e das motivacións que lle fixeron saír do seu país. Que cada inmigrante conte as súas experiencias e as súas vivencias. Hai xente que sae do seu país por problemas sociais, ou económicos. Outros porque viven en países onde non hai liberdade para nada, en países que teñen un réxime totalitario ou ditatorial. Son cousas que che levan a emigrar porque estando nun país como este non tes dereito a nada; non por tema económico, senón por un tema de poder salvar a vida. 

Atopeime con xente moi boa aquí en España e en Vigo pero claro, non todos son así, Hai xente que pensa de distinta maneira, ou que non chega a entender porque tal vez a eles  nunca lles tocou vivir unha situación así. Creo que estaría bo convidalos ou darlles a coñecer estar experiencias, para que eles poidan nalgún momento entender. 

Sempre me atopei con xente de Galicia que me di «eu sei o que é ser emigrante porque eu tamén estiven nun país que non era o meu». Entón  como que me identifico con esta xente, motívame, porque claro, faite pensar que non estás so, que non estás nun país onde a xente non se dá conta o que vives, ou non comparten as túas ideas, ou o motivo polo cal saíches do teu país. A min valeume moitísimo atopar xente así. 

A persoa que estou agora coidando tamén saíu de aquí, estivo moitos anos emigrado en Alemaña e él coméntame que saíu sen nada cunha man detrás e outra diante, sen saber , na incerteza, se realmente se iríase a deitar ou se podería traballar, só tiña claro que aquí non tiña nada. 

Tamén falei con xente que foi a Sudamérica, xente que conta as súas experiencias, cómo comenzaron, todo o qué deixaron atrás: os seus familiares, as súas casas, cousas moi fortes que terminan tocándoche sentimentalmente, porque claro, un ao escoitalo, involúcrase nestas charlas. 

A xente que nunca o pasou sería bo que o escoite e o entenda, que se poña nos pés desta persoa. Creo que así, xa plantaches unha semente no corazón dunha persoa, e se non o escoitas e non o das a coñocer, a xente non se decata.