CONVIVINDO: un programa que constrúe comunidade e combate a soidade
Ante o desafío da soidade non desexada en Galicia, Cáritas impulsa CONVIVINDO, unha iniciativa social que mellora a calidade de vida das persoas maiores grazas á proximidade, a escoita activa e a implicación dos equipos de voluntariado.
En Cáritas Diocesana de Tui-Vigo seguimos apostando por proxectos que promoven a convivencia interxeracional, a inclusión social e o acompañamento próximo ás persoas máis vulnerables. Un deles é CONVIVINDO, unha iniciativa que se desenvolve grazas á implicación activa do voluntariado e o compromiso das comunidades parroquiais e interparroquiais.
O programa busca favorecer a integración de persoas maiores en situación de soidade ou fraxilidade e, ao mesmo tempo, fortalecer a solidariedade comunitaria. A través de actividades compartidas, visitas de acompañamento e dinámicas participativas, xéranse lazos que enriquecen tanto a quen recibe o apoio como a quen o ofrece.
O reto da soidade nas persoas maiores de Galicia
En Galicia, o envellecemento da poboación e a dispersión xeográfica agravan o problema da soidade non desexada nas persoas maiores. Moitas delas viven illadas, especialmente no rural, sen redes de apoio próximas, o que afecta gravemente a súa saúde física e emocional. A soidade é un dos grandes desafíos sociais actuais, e require unha resposta comunitaria e estrutural para asegurar a dignidade e o benestar dos nosos maiores.
Durante o último ano, CONVIVINDO chegou a decenas de persoas en distintos arciprestados, implicando a equipos de voluntariado que, con creatividade e proximidade, ofrecen tempo, escoita e acompañamento. Os resultados mostran non só unha mellora na calidade de vida das persoas maiores, senón tamén un crecemento humano e comunitario en quen participa.
Este programa articúlase como unha experiencia de innovación social dentro de Cáritas, que pon no centro o valor da proximidade e da escoita activa. É, por tanto, un claro exemplo de como o traballo en rede e a caridade creativa poden dar resposta a necesidades concretas da nosa contorna.
Este programa é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, o apoio de Cáritas Federadas de Galicia e a implicación directa de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, institucións que fan viable este proxecto e que apostan pola promoción da solidariedade e a dignidade das persoas.
Dende Cáritas, queremos seguir fortalecendo programas como CONVIVINDO, que mostran que outra forma de acompañar é posible: unha na que todas as persoas —maiores, voluntarios e comunidades— enriquécense mutuamente.
Formarse para acompañar con corazón
No marco deste programa CONVIVINDO, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo clausurou recentemente o Programa de Formación para o Acompañamento a Persoas Maiores, dirixido ao seu equipo de voluntariado.
Un total de 15 voluntarios e voluntarias procedentes das Cáritas Parroquiais de San Cristóbal de Candeán, Santa Clara e Sárdoma-Salgueira completaron esta intensa experiencia práctica de 20 horas. O curso centrouse no desenvolvemento e consolidación de habilidades crave como a escoita activa, a empatía e as técnicas de acompañamento.
Este proceso formativo é fundamental para garantir a calidade da atención prestada polo programa CONVIVINDO, xa que grazas a esta capacitación especializada, o voluntariado de Cáritas está mellor preparado para seguir ofrecendo proximidade, compañía e esperanza ás persoas maiores que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.
Esta acción estratéxica foi posible grazas á colaboración e o financiamento do Concello de Vigo, a través da súa convocatoria de subvencións a entidades sociais.





