Noticia • 16/10/2026

Máis alá dos papeis: a saúde mental como clave na loita contra a pobreza

Sara Caride, psicóloga de Cáritas Tui-Vigo, analiza como a incerteza legal afecta á saúde mental, dificulta a inclusión social e laboral e pode xerar indefensión aprendida.

Con motivo do Día Mundial para a Erradicación da Pobreza (17 de outubro), dende Cáritas Tui-Vigo poñemos o foco nunha das formas máis invisíbeis de vulnerabilidade: o impacto psicolóxico do limbo administrativo e da irregularidade no proceso migratorio. 

Erradicar a pobreza non consiste unicamente en cubrir necesidades materiais básicas, senón en garantir os dereitos e as condicións que permiten ás persoas construír un proxecto de vida autónomo e digno. En España, porén, as barreiras burocráticas e os longos procesos de regularización actúan como un freo directísimo á inclusión social e laboral, xerando un alto desgaste emocional —manifestado en ansiedade, depresión e a chamada indefensión aprendida— que perpetúa os círculos de exclusión. 

O Informe FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en Galicia advirte de que a redución da pobreza monetaria non implica necesariamente unha mellora da cohesión social. Aínda que a taxa de risco de pobreza descendeu ata o 14,2 %, o informe alerta dun aumento drástico da integración precaria, que xa afecta ao 43,8 % da poboación galega. Isto significa que, malia non atoparse necesariamente en situación de pobreza, moitas persoas viven nunha situación de inestabilidade que as fai especialmente vulnerables ante calquera dificultade económica.

O informe tamén alerta do empeoramento da situación relacionada coa saúde, unha dimensión que afecta xa ao 17,7 % da poboación galega, máis de 475.000 persoas. Esta realidade está condicionada polas dificultades de acceso ao sistema público sanitario, que poden deixar sen atención adecuada as persoas que máis a necesitan. De feito, o 10,3 % das persoas en situación de exclusión social en Galicia carece de calquera tipo de cobertura sanitaria, un dato que evidencia a relación entre exclusión social e barreiras no acceso á saúde.

Esta relación tamén se fai especialmente visible no ámbito da saúde mental, que se consolida como unha dimensión crítica da exclusión social en Galicia. O 18 % da poboación galega valora negativamente a súa saúde mental, fronte ao 11,8 % do conxunto do Estado, mentres que o 11 % ten actualmente un trastorno diagnosticado, fronte ao 5,9 % da media estatal.

A situación é aínda máis preocupante entre as persoas que se atopan en situación de exclusión social. Neste grupo, as dificultades sociais e económicas conviven cun maior impacto dos problemas de saúde mental: o 24,9 % das persoas en exclusión moderada en Galicia ten un diagnóstico de saúde mental, máis do dobre que a media estatal (11,1 %), e o 31,3 % afirma que o seu estado de ánimo empeorou no último ano.

Ás dificultades que afrontan estas persoas súmanse as barreiras para acceder á atención sanitaria. Así, ante as listas de espera e as dificultades do sistema público, o 33,8 % das persoas con diagnósticos de saúde mental en Galicia viuse obrigada a recorrer á sanidade privada para recibir atención. Este dato pon de manifesto as dificultades para acceder aos recursos necesarios e como estas poden agravar a vulnerabilidade das persoas que xa se atopan nunha situación de maior fraxilidade social.

A saúde mental, outra dimensión da exclusión social

Para analizar como a falta de estabilidade legal deteriora o benestar emocional e por que a regularización administrativa é un factor determinante para a saída da pobreza e a integración real, conversamos con Sara Caride, psicóloga de Cáritas Tui-Vigo. 

Cando falamos de procesos migratorios tendemos a xeneralizar, pero cal é o impacto real da migración na saúde mental e no benestar emocional? 

A forma na que o proceso migratorio afecta á saúde mental depende moitísimo das circunstancias de cada persoa. Isto é fundamental lembralo porque tendemos a meter todas as experiencias na mesma caixa, cando en realidade son moi distintas. 

Depende moito dos antecedentes: hai persoas que veñen de situacións de guerra ou de contornos moi violentos, mentres que outras simplemente buscan mellores oportunidades de traballo e formación. Tamén inflúe o tipo de acollida que atopen ao chegar, xa sexa o apoio de institucións e organizacións ou o feito de ter xa familia e vínculos de base aquí. 

O que si é certo é que, en calquera caso, o proceso migratorio adoita vincularse con problemas de ansiedade, depresión e trastorno de estrés postraumático, especialmente en contornos máis complexos relacionados co dó migratorio.

Que é exactamente o dó migratorio, como se xestiona e de que maneira inflúe no proceso de integración?

O dó migratorio é esa sensación propia de ter que tomar unha decisión que parece a mellor, pero que implica moitas renuncias: deixar atrás todo o que xa coñecías sen saber nunca se a decisión tomada foi ao 100% a adecuada. Esa dúbida vai existir case sempre. 

Para xestionalo, o primeiro é comprender que durante estes procesos é normal non estar ben; non podemos pretender que a xente estea perfectamente dende o primeiro momento. Cómpre ofrecer toda a axuda posible pero asumindo que hai fases nas que é lóxico sentir dor. 

Con todo, hai estratexias que axudan. A clave principal é centrarse na vida presente aquí, xa que moita xente queda moi atrapada na vida que deixou atrás. É fundamental facer novos vínculos, crear redes de apoio no lugar de acollida e, ao mesmo tempo, reservar un espazo san na nova vida para manter o contacto coas persoas que quedaron no país de orixe.

Máis alá do emocional, como inflúen a burocracia e a irregularidade administrativa na saúde mental e no desexo de inclusión das persoas migrantes?

A irregularidade e o limbo administrativo dificultan enormemente a inclusión social e laboral. É moi importante entender que este bloqueo reduce progresivamente o desexo de inclusión por parte das persoas migrantes, porque chegan a ver a integración como algo tan complicado que acaban desistindo. 

En psicoloxía isto explícase co concepto de indefensión aprendida: cando intentas resolver un problema de moitas formas distintas e repetidamente non o consegues, chega un momento no que deixas de intentalo, aínda que máis adiante a barreira desapareza. 

Isto aplícase perfectamente aos limbos administrativos tan longos que provoca a lexislación en España. A xente pasa tanto tempo intentando saír adiante e chocando contra un muro que, cando por fin se abre unha porta ou o muro desaparece, xa non ten enerxías nin é capaz de ver que o problema se pode resolver.

Ata que punto ter a documentación en regra pode actuar como un factor corrector para reducir o estrés e favorecer a inclusión?

A regularización retira directamente un dos maiores estresores que existen: a inseguridade e a falta de estabilidade. 

Isto confírmano os estudos lonxitudinais —aqueles que miden as mesmas variables na mesma persoa ao longo do tempo—: unha vez que se logra a regularización administrativa, a saúde mental das persoas migrantes mellora de xeito moi significativo. 

De feito, é algo que comprobamos decote na terapia: moitos procesos terapéuticos conclúen simplemente coa obtención dos documentos, porque a irregularidade era o estresor principal que estaba deteriorando a súa saúde mental.